Ricardo Carvalho Calero

Día das Letras Galegas 2020

Ricardo Leopoldo Ángel José Gerardo Carvalho Calero naceu en Ferrol (A Coruña) o 30 de outubro de 1910.

No ano 1926, pouco antes de cumprir os 16 anos, trasladouse a Compostela para continuar os seus estudos. En 1931 obtivo a licenciatura de Dereito, despois de cursar os cinco cursos en catro anos.

A etapa compostelá foi un período de forte compromiso cultural e político. Carvalho Calero colaborou activamente na revista Nós con poemas e artigos de crítica literaria. Ingresou no Seminario de Estudos Galegos en 1927 tras a lectura dun fato de poemas agrupados baixo o título “A dor cantareira”. Durante a II República española, participou na asemblea constituínte do Partido Galeguista (1931) e na redacción do Estatuto de Autonomía galego.

No 1931 publicou o seu primeiro poemario en galego, Vieiros, que consta de 30 poemas de temática diversa e con leves pegadas vangardistas.

Vello era o rei. Morría de friage
por moito que de tenra lá o cobrian.
Dixeron os seus servos, coidadosos:

—Busquemos unha virgenciña nova
que o agarime e o abrigue, e no seu leito
durma, e o aqueza a sua carne quente.

Todas as terras de Israel correron.
En Sunam de Isacar a rapaza acharon
docemente formosa. Era o seu nome
Abisag. E levaron-lla a David.

Para o rei ja pasara o roxo tempo
de Betsabé; já a carne se durmira
Para en jamais; só acougo era-lle o leito.
Non desflorou a flor da nena aquela. […]

—“Abisag” (Vieiros, 1931).

Carvalho Calero deixou Compostela en 1933 e volveu ao seu Ferrol natal despois de gañar unha praza como auxiliar administrativo municipal. Alí casou con María Ignacia Ramos, quen tamén foi docente e escritora (ela firmaba as súas obras co pseudónimo de María Silgar).

No ano 1934 saíu do prelo O silenzo axionllado, o seu segundo poemario en galego. Esta obra é próxima ás vangardas e contén imaxes creacionistas e hilozoístas.

A ti, sombra perdida, espírito pervagante,
que entre néboas de alén andas errante.
A ti, clara voz morta, ollos feridos,
pazo esquecido, outono
lonjano, chúvia
aceda sen lecer, sibila
chorosa; a ti que tes
o corazón de lua traspasado 
nas mans tremor de maina bris que ri 
as fazulas aradas pola dor
—oh estadea de bágoas sen fin—
e na fronte un fantasma aluarado:
a ti 
de min 
aos pes 
a flor
dun siléncio ajoellado

—“Madrigal a Rosalía” (O silenzo axionllado, 1934).

Pouco antes da Guerra Civil, Carvalho Calero rematou os estudos de Filosofía e Letras. Foi sorprendido pola guerra en Madrid e decidiu combater en defensa da República. Ao final da contenda, foi apreixado e acusado de pertencer a un partido separatista, o que lle custou unha condena de 12 anos e un día de prisión en Xaén (Andalucía).

Despois de dous anos preso conseguiu a liberdade condicional e regresou a Ferrol. Os antecedentes penais impedíronlle volver á función pública e optou polo ensino privado. Estes foron anos de penurias económicas, en que tivo que alternar a docencia privada coa escritura e a colaboración con xornais como La noche. Durante este período compuxo varias obras teatrais: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas e A arbre.

A situación económica de Carvalho Calero comezou a mellorar cando no ano 1950 se estabeleceu en Lugo para dirixir clandestinamente o colexio Fingoi. Nos quince anos que durou a dirección de Carvalho Calero, o centro converteuse nun referente nos estudos lingüísticos e literarios galegos.

Durante a súa estadía lucense, Carvalho Calero conxugou as súas tres vocacións: a docencia, a escritura e a investigación lingüística e literaria. Publicou os poemarios Anxo de terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952) e Saltareiro de Fingoy (1961) e a súa primeira novela, A xente da Barreira (1951). No ano 1954 defendeu en Madrid a súa tese de doutoramento, Aportaciones a la literatura gallega contemporánea.

Moitos dos versos de Anxo de terra foran escritos durante a Guerra Civil.

Morte de brandos ollos, ¿qué me queres?
Di-me se este roldar é de noivado.
¿Andas por jogo ao meu redor, lareta?

Di-me se as tuas tempas de raíña
niño son pra os meus beijos de asa longa,
ou recantos de sono pasageiro.

De chama da miña alma avelaiña
deseñas os teus circos sen bruído
e eu son todo degaro dubidoso.

Fere-me o corazón coa tua seta,
apreixa-me na aperta imorredoira
ou finda ja esta teima que me proi.

Decote à espreita eu, ti, no sarego
do meu porvir, sorris, as mans de moza
a esfollar unha eterna margarida.

—“Rolda da morte” (Anxo de terra, 1950).

A xente da Barreira gañou o premio convocado pola Editorial Bibliófilos Gallegos e converteuse na primeira obra narrativa en galego publicada en Galiza despois da guerra. Esta novela narra a decadencia dunha familia fidalga do rural durante a transición entre os século XIX e XX.

Froito da súa tese de doutoramento e da colaboración coa Editorial Galaxia, no ano 1963 viu a luz a Historia da literatura galega contemporánea, aínda hoxe unha das maiores achegas a este campo. O seu traballo como escritor e investigador foi recoñecido co ingreso na Real Academia Galega, o día 17 de maio de 1958.

O réxime franquista permitiulle volver á función pública no ano 1965. Carvalho Calero decidiu trasladarse a Compostela, onde compaxinou o traballo como profesor de Lingua e Literatura Española no Instituto Rosalía de Castro coa docencia de Lingua e Literatura Galega na universidade. Foi o primeiro docente de lingua galega a nivel universitario e no 1972 converteuse no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega.

Como lingüista, Carvalho Calero publicou a Gramática elemental del gallego común (1966). Esta obra estaba pensada para o alumnado universitario e serviu tamén como manual de referencia para o profesorado de primaria. Alén disto, tamén se encargou da corredacción das primeiras Normas Ortográficas e Morfolóxicas editadas pola Real Academia Galega entre os anos 1970 e 1971.

Durante a década do 1970, o pensamento lingüístico de Carvalho Calero evolucionou cara á defensa dunha volta á ortografía etimolóxica do galego para unilo ao tronco común do galegoportugués, chegando a ser o principal representante dos postulados reintegracionistas. Os seus traballos lingüísticos e propostas de orientación reintegracionista foron recollidos nos volumes Problemas da Língua Galega (1981), Da fala e da escrita (1983) e Do galego e da Galiza (1990).

Xubilado dende 1980, dedicou os últimos anos da súa vida á literatura galega, até a seu pasamento en marzo de 1990. Organizou grande parte da súa poesía anterior en dous poemarios, Pretérito imperfeito (1927-1961) e Futuro Condicional (1961-1980), seleccionando poemas e adaptando a ortografía ás teses reintegracionistas. Compuxo obras novas como Cantigas de amigo e outros poemas (1986), Scórpio (1987) e Reticências (1990). Do seu labor investigador dos últimos anos resultaron Libros e autores galegos (I) (1979), Libros e autores galegos (II) (1982), Letras Galegas (1984) e Estudos e ensaios sobre literatura galega (1989).

Pretérito imperfeito (1980) é unha compilación revisada da súa poesía anterior. Contén poemas de Vieiros, O silenzo axionllado, Anxo de terra, Poemas pendurados de un cabelo e Saltereiro de Fingoy, sen materiais novos.

Non sei
se matei.
Estiven
na trincheira.
Non vin
o meu
nemigo.
Disparei.
Non sei
se matei.
Fun ferido.
Mais
non
sei
se
matei.

Toupa cega, non teño outro ollo
que o ollo
do meu fusil.
Se cadra o ten visto
o meu nemigo?
Olladas de fogo
cruzan-se entre
os dous:
eu
e o meu nemigo.
Fun ferido.
Eu
non
sei
se matei.

—“Non sei se matei” (Pretérito imperfeito, 1980).

En Futuro condicional (1982), Carvalho Calero reuniu grande parte dos poemas que creara entre os anos 1961 e 1980. Algunhas das composicións foran xa publicadas en distintas revistas e outras estaban inéditas.

Cinco duros pagábamos de aluguer.
Era un terceiro andar, ben folgado.
Pola parte de atrás daba para o Campiño,
e por diante à rua de San Francisco.

No segundo vivia a miña tia aboa:
tiña unha peza cheia de paxaros disecados
que só abría os días de festa
para que os nenos disfrutásemos nela.

Ainda vivia miña nai
e todos os meus irmaos vivian,
e enfrente traballaba o señor Pedro o toneleiro,
e a grande tenda de efeitos navais mantiña o seu trafego.

Na casa tiñamos pombas
e, por suposto, un grande gato mouro;
e o meu pai era novo ainda
e no mar do mundo cada dia descobria eu unha illa. […]

—“Ferrol, 1916” (Futuro condicional, 1982).

Novela histórica, con elementos autobiográficos, que narra os avatares dos derrotados na Guerra Civil e na que podemos ver representada a toda a xeración de Carvalho Calero. O protagonista, alcumado Scórpio, nunca chega a entrar en escena e só o coñecemos a través dos relatos doutros personaxes. A obra obtivo o Premio da Crítica de narrativa galega e o Premio da Crítica Española.

No ano da súa morte, apareceu publicado o poemario Reticências, a súa derradeira obra e a máis recoñecida pola crítica.

E agora som um velho patrom que
se senta ao sol no banco de um passeio.
A minha vida fica atrás. Foi minha?
Quem fum outrora?

Fum eu -este que agora som- aquele
que estes mesmos carreiros transitava
um tempo perseguindo a borboleta
ilusória do amor, e neste mesmo
banco torrava o coraçom, ao sol
do rosto de umha forma feminina,
já nom sei qual, ao meu carom sentada?

A minha boca que articula agora
um monológico silêncio, é
aquela que sabia dialogar
onsoante a gramática perdida?

Nem apego me fica ao que onte fum,
nem ao que onte regia o meu falar
e o concertava com o falar seu.

Nacim já velho neste banco ao sol,
e aquel que outrora fum morreu em mim,
e sinto-o como um outro
que nom herdei, pois nada tenho del.

Mocidade nom tivem; som um velho
de poucos anos, que nacim assi.
Apócrifa é a história
com que alguns me encadeiam
às alegres tristezas de um passado
de harmonioso furor primaveral.

Sentado neste banco, tam só espero
que de mim mesmo brote o sono. Aquela
moça que se detém perante mim
—talvez onte ao meu lado se sentava—,
estorva-me hoje, e a seguir convido-a
a sua via, pois furta-me o sol.

—“E agora som um vello patrón que…” (Reticências, 1990).

Organización

Apoios

Promoción